Friday 17 de May de 2024

O Concello pon en marcha a Escola de Participación 2023, que oferta un curso de formación en primeiros auxilios e obradoiros de xestión emocional


Hoxe abre o prazo de inscrición nos módulos formativos, que se impartirán desde o luns 27 en instalacións municipais como os Centros Cívicos de Monelos, Monte Alto e San Diego, así como no Remanso

O Concello da Coruña, a través da Área de Benestar Social, pon en marcha a Escola de Participación 2023. Desde o vindeiro luns, 27 de novembro, e ata o 13 de decembro, impartiranse dous cursos formativos e seis obradoiros presenciais en distintos horarios e localizacións.

Igual que o ano pasado, ofrecerase de novo un obradoiro de xestión emocional dirixido especificamente á mocidade, que terá lugar no Espazo Xuvenil do Remanso o día 11 de decembro pola tarde, e que terá unha idade límite de 30 anos.

O prazo de inscrición nos cursos e obradoiros permanecerá aberto de maneira continuada, desde este venres 24 de novembro ata completar as prazas dispoñibles en cada grupo.
Poderán participar nestas accións formativas da Escola de Participación as persoas de calquera dos seguintes grupos:
● Persoas pertencentes ás asociacións inscritas no REMAC, ou vencelladas a elas.
● Persoas inscritas nos programas de voluntariado municipais.
● Cidadanía en xeral.
As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición e abriranse listaxes de agarda.
A programación: desde cursos de primeiros auxilios a obradoiros de IA
A Escola de Participación 2023 inclúe os seguintes módulos formativos:

Curso de primeros auxilios básicos. Impartido pola Cruz Vermella. O obxectivo do curso é proporcionar os coñecementos básicos para poder ofrecer una axuda eficaz ás persoas que se atopan nunha situación de emerxencia, xa sexa por accidente ou enfermidade, afrontar os primeiros minutos coa máxima seguridade.
● Modalidade: en liña
● Data de apertura: 24 de novembro
● Duración: 20 horas
● Capacidade: Máximo 30 persoas

Obradoiro sobre Seguridade Dixital e Intelixencia Artificial para Asociacións. Trátase de coñecer os riscos no uso das redes sociais na administración dos perfís das asociacións e entidades, obter os coñecementos básicos sobre dereitos fundamentais como a privacidade, intimidade etc, para unha mellor xestión das comunicacións realizadas a través das redes sociais. Inclúese tamén un acercamento aos dereitos de autor e copyright para un correcto uso dos contidos creados por outros (imaxes, vídeos, audios…) nas nosas comunicacións dixitais e una iniciación a Chat GPT 4 e Dall-E como ferramentas de

Intelixencia Artificial para asociacións.
● Modalidade: presencial
● Data: 29 de novembro de 2023
● Horario: 17.30 a 20.30 horas
● Localización: Asociación Educativa Atlantics (Rúa Juan Flórez, 146)
● Capacidade: Máximo 10 persoas
Obradoiro ‘O meu fillo é dixital?’ Para coñecer os riscos asociados coas redes sociais, como o acoso, a exposición a contidos violentos ou inapropiados, privacidade, contrasinais seguros etc.
● Modalidade: presencial
● Data: 30 de novembro de 2023
● Horario: 17.30 a 20.30 horas.
● Localización: Centro Cívico Municipal de San Diego

● Capacidade: Máximo 15 persoas

Obradoiro ‘Xestionando Emocións’. Dirixido de forma específica á mocidade, os obxectivos do obradoiro son identificar as fontes xeradoras do estrés, coñecer os pensamentos mosca que provocan malestar e adquirir habilidades de enfrontamento eficaz.
● Modalidade: presencial
● Data: 11 de decembro de 2023
● Horario: 17.00 a 21.00 horas.
● Localización: Espazo Xuvenil O Remanso
● Capacidade: Máximo 20 personas.

Curso sobre xestión de asociacións. Abordaranse en conxunto os aspectos fundamentais a ter en conta á hora de xestionar unha asociación sen ánimo de lucro: figura xurídica, procedementos, aspectos básicos de funcionamento, obrigas legais, financiamento etc.
● Modalidade: presencial
● Data: 12 de decembro de 2023
● Horario: 17.00 a 20.00 horas
● Localización: Centro Cívico Municipal de Monte Alto
● Capacidade: Máximo 20 persoas

Obradoiro ‘Novo enfoque da intelixencia emocional’. Cos obxectivos de recoñecer as habilidades implícitas á intelixencia emocional, desenvolver as habilidades necesarias para potenciala, reducir os hábitos que afectan negativamente á nosa contorna emocional e adquirir habilidades para relacionarnos mellor coa contorna e con nós mesmos.
● Modalidade: presencial
● Data: 13 de decembro de 2023
● Horario: 9.00 a 13.00 horas
● Localización: Centro Cívico Municipal de Monelos
● Capacidade: Máximo 20 persoas

Obradoiro práctico de acompañamento a persoas con Párkinson e problemas de movemento. Un espazo para coñecer os aspectos máis relevantes da enfermidade de Párkinson, aprender sobre os coidados necesarios e practicar un adecuado acompañamento da persoa. Contidos prácticos: vídeos para aprender a xestionar bloqueos, dinámicas para entender os síntomas da enfermidade etc.
● Modalidade: presencial
● Data: 14 de decembro de 2023
● Horarios:
○ De mañá: 12.00 a 14.00 horas (Aula de formación da Asociación Párkinson)
○ De tarde: 16.00 a 18.00 horas (Centro Cívico Municipal de Monelos)
● Capacidade: Máximo 20 persoas en cada quenda